Tuesday 30 de April de 2024

A Coruña acolle este luns a posta en común final do proxecto Ru:urban para mellorar a xestión de hortos urbanos


Con este programa europeo baseado no modelo levado a cabo por Roma, o Goberno local pretende optimizar cuestións económicas, sociais e ambientais relacionadas coa agricultura na cidade

A Coruña realizará mañá o evento final Transnacional do proxecto Ru:rban, un programa europeo que forma parte de URBACT e que lles axuda ás cidades a desenvolveren solucións novidosas e sostibles con respecto da xestión dos hortos urbanos. Na iniciativa participan, ademais da cidade, Cracovia, Caen, Loures, Vilnius e Roma, da que transferiron o seu modelo de hortos. Despois de traballaren durante dous anos conxuntamente, representantes dos distintos lugares e mais expertas/os do programa, compartirán en liña os seus logros e experiencias co obxectivo de inspirar a máis lugares a
mellorar as súas capacidades de gobernanza local en materia de hortos urbanos e agricultura. As persoas interesadas en asistiren, poden inscribirse no encontro a través de https://cutt.ly/Kn95RSI.

Desde o Concello achegaranse vídeos sobre os distintos hortos da cidade, tanto os escolares, como os proxectados para a cidadanía en xeral e os de integración social, en que as/os protagonistas falarán da súa experiencia, das comunidades que conforman e dos efectos positivos na saúde. Abordarán tamén outras cuestións como o seu potencial como ferramenta didáctica e de inclusión e mais expoñerán os seus desexos para o futuro destes terreos reservados ao cultivo.

Por outra parte, o resto das cidades compartirán a aprendizaxe e o crecemento que experimentaron ao longo dos dous anos que durou o proxecto Ru:rban e haberá conexións en directo e a posibilidade de lles realizar preguntas ás persoas asistentes.

Será por tanto unha última posta en común sobre o proxecto, en que a coordinadora do Ru:rban para a cidade, María de Isasi, pechará a sesión coas conclusións e os efectos que este programa tivo na Coruña